Monday 29 de April de 2024

A Xunta sinala que o concello de Cambre non xustificou o funcionamento do servizo de atención temperá nas convocatorias de 2021 e 2022


— O Goberno galego concedeulle axudas para o funcionamento da unidade a través destas dúas convocatorias, pero tan só xustificou o funcionamento correspondentes aos meses de setembro, outubro e novembro de 2021

— Cambre volve a ser un dos municipios beneficiados da última convocatoria de axudas para a posta en marcha de unidades de atención temperá, que segundo o Goberno local comezará a funcionar o vindeiro 1 de marzo

O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, sinalou que o Concello de Cambre non xustificou o funcionamento do servizo de atención temperá durante as convocatorias dos anos 2021 e 2022, polo que se lle reclamou a devolución dos importes aboados. Así o manifestou esta tarde durante a súa comparecencia na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego no Parlamento de Galicia.

O director xeral explicou que o Concello de Cambre solicitou as axudas impulsadas pola Xunta para a posta en marcha de unidades de atención temperá destinadas á atención de nenos de 0 a 6 anos nas convocatorias do ano 2021 e 2022. En ambas as dúas ocasións, o Goberno local non xustificou o funcionamento do servizo polo que xa tivo que reintegrar o importe non xustificado na convocatoria do ano 2021, e foille reclamado facer o mesmo co importe correspondente a convocatoria do ano 2022.

González Abeijón apuntou que o Concello tan só chegou a xustificar gastos correspondentes ao funcionamento da unidade durante os meses de setembro, outubro e novembro do ano 2021, unha cantidade que lle foi aboada. Así mesmo, afirmou que Cambre volve a ser un dos municipios beneficiados da última convocatoria de axudas para a posta en marcha de unidades de atención temperá, que segundo o Goberno local comezará a funcionar o vindeiro 1 de marzo. O Concello deberá agora tamén xustificar o funcionamento do servizo.

Impulso da atención temperá
Pola súa banda, o director xeral lembrou o importante impulso que o Goberno galego logrou neste servizo durante os últimos anos. Neste sentido, destacou que no ano 2009 tan só había en Galicia dúas unidades de atención temperá en funcionamento que daban cobertura a 14 concellos. Na actualidade, son 44 as unidades en funcionamento que ofrecen atención a máis de 200 municipios. Así mesmo, afirmou que nesta última convocatoria, a Xunta investiu un orzamento récord de 12 millóns de euros para consolidar a rede autonómica de unidades de atención temperá ata o ano 2024.